Donestech: O workshop ‘Hackeando o patriarcado’ celebrará o 18 de novembro

A Cátedra de Feminismos 4.0, impulsada pola Deputación de Pontevedra a a Universidade de Vigo, celebrará o próximo 18 de novembro a terceira edición do workshop “Sociedade dixital e xénero. Hackeando o patriarcado“, co obxectivo de manter activo un espazo de reflexión colectiva ao redor do denominado “patriarcado dixital”.

Este ano o lema será Intelixencia artificial feminista fronte aos algoritmos machistas, polo que o workshop pretende cuestionar o papel que están a desempeñar as tecnoloxías na lexitimación das fendas e nesgos de xénero, así como atender a información relevante proporcionada polo ecofeminismo ou tecnofeminismo.

Programa e inscrición

O workshop celebrarase en formato semipresencial. A apertura do acto será ás 10.00 h e contará coa participación de Carmela Silva Rego, presidenta da Deputación de Pontevedra, e Manuel Joaquín Reigosa Roger, reitor da Universidade de Vigo. A continuación desenvolveranse diversas intervencións e mesas redondas nas que participarán mulleres referentes no eido da intelixencia articial, aprendizaxe automática e visión artificial.

As intervencións da sesión da mañá estarán protagonizadas por Karina Gibert, directora do centro de investigación Intelligent Data Science and Artificist Intelligence (IDEAI- UPC); Lorena Fernández, directora de comunicación dixital da Universidade de Deusto e membro do grupo experto da Comisión Europea Gendered Innovations; Nerea Luis, enxeñeira en Intelixencia Artificial en Sngular e unha das 100 mulleres líderes en España; Ona de Donestech, activista dos dereitos humanos en internet; Paola Pozzi, coach profesional certificada por ASESCO, e Manuel Fernández, profesor de Ciencias da Computación e Intelixencia Artificial da Universidade de Santiago de Compostela (USC).

Na sesión da tarde, realizarase un Wikigap, impartido por Adrián Estévez, editor da Galipedia e socio de Wikimedia España e Portugal, que ensinará como lograr unha Wikipedia comprometida coa igualdade, mediante a visibilización do traballo das mulleres.

Para as persoas interesadas en asistir presencialmente, deberán desprazarse ata a Escola de Enxeñaría de Telecomunicación da Universidade de Vigo, situada no Campus Lagoas-Marcosende. Neste caso, deberán confirmar previamente asistencia, que tamén deberán solicitar as persoas que desexen participar no obradoiro da tarde.

As persoas que asistan virtualmente, poderán seguir o seminario vía streaming a través da Canle Directo 3 da UVigoTV.

Podes consultar o programa completo do workshop no seguinte enlace:

Programa completo

Maior protagonismo da intelixencia artificial feminista

A ofensiva do neoliberalismo, aliado do patriarcado, en particular contra as mulleres, e a situación de involución ideolóxica cara a posicións de ultradereita, está a propiciar un aumento das fendas de xénero en todos os eidos. A isto hai que sumar o retroceso nos dereitos adquiridos e a ameaza sobre a natureza e as poboacións máis vulnerables. Nesta situación, é preciso reflectir o papel dos feminismos nunha nova era, na que a intelixencia artificial (IA) está adquirindo, cada vez máis, unha grande importancia no deseño do noso mundo en todas as ordes.

Por tanto, é importante que a intelixencia artificial feminista adquira maior protagonismo e sexa unha ferramenta fundamental para garantir un novo mundo máis igualitario, xusto e humano.

Ademais, cómpre identificar, visibilizar e difundir as diversas accións e activistas en redes sociais neste eido, que presenten unha concepción “líquida” das tecnoloxías, orientada a salientar o seu carácter social, a súa utilidade na realización dos traballos de coidado, de preservación da saúde e do medio ambiente, seguindo as directrices da Axenda 2030. Tamén é necesario elaborar un documento que compile todos os recursos existentes neste ámbito, coa finalidade de facilitar a súa comprensión e divulgación.

A Cátedra, instrumento para promover a igualdade

A Deputación de Pontevedra, xunto coa Universidade de Vigo, teñen como obxectivo, a través da creación da Cátedra de Feminismos 4.0, promover a igualdade, a non discriminación e accesibilidade universal das mulleres no ámbito das actuais sociedades da información. En concreto, a promoción e o impulso de actividades de investigación e innovación feminista en todos os ámbitos do coñecemento, priorizando os estudos relacionados coa dixitalización actual da sociedade e o ámbito das STEM (siglas en inglés de ciencias, tecnoloxía, enxeñaría e matemáticas), onde as mulleres están infrarrepresentadas e resulta un espazo cada vez máis relevante nas sociedades do futuro.

 

PRESENTACIONES (PDF)